Deducción Fiscal por Obras de Mellora de Eficiencia Enerxética
A Lei 7/2019 de medidas fiscais para o ano 2020, aproba unha nova dedución da cota integra autonómica por obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou vivendas unifamiliares.
Normativa
Según o apartado 4, do Artigo 1 do CAPÍTULO I, «Imposto sobre a renda das persoas físicas», establece a Deducción Fiscal por Obras de Mellora de Eficiencia Enerxética:
1. Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica no exercicio en que se remate a obra de mellora de eficiencia enerxética dos inmobles de uso residencial vivenda:
a) O 15 % das cantidades totais investidas. A base da dedución terá como límite 9.000 € por suxeito pasivo.
b) O custo dos honorarios para a obtención do certificado que xustifique o salto de letra na cualificación enerxética do inmoble, así como as taxas relacionadas coa súa inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, cun límite único de 150 € que será rateado en función da porcentaxe de titularidade da vivenda.
Para estes efectos, consideraranse obras de mellora de eficiencia enerxética as que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que dispoñan dos permisos, autorizacións ou títulos habilitantes correspondentes.
b) Que melloren o comportamento enerxético das edificacións reducindo a demanda enerxética, mellorando o rendemento das instalacións térmicas e/ou incorporando equipos que utilicen fontes de enerxía renovable e que teñan por obxecto principal subir unha letra na escala de cualificación enerxética de emisións de CO2 e na escala de consumo de enerxía primaria non renovable.
2. En relación coa letra a) do número 1, a base desta dedución estará constituída polas cantidades efectivamente satisfeitas nas obras de mellora de eficiencia enerxética en edificios de vivendas ou en vivendas unifamiliares, mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo ou ingreso en contas en entidades de crédito. En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.
3. Para ter dereito a esta dedución deberá presentarse, antes de que expire o prazo para presentar a autoliquidación correspondente ao período impositivo en que se remate a obra de mellora enerxética obxecto de dedución, a través da plataforma electrónica do Rexistro de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia:
a) Certificado de eficiencia enerxética do edificio, unha vez executadas as obras que dan lugar a esta dedución, que debe estar inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia mediante o procedemento establecido para tal fin.
b) Informe asinado por un técnico competente que xustifique o salto de letra conseguido coas melloras, segundo o modelo que conste no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) A totalidade das facturas correspondentes ás obras de mellora de eficiencia enerxética obxecto de dedución, así como as relativas á obtención do certificado de eficiencia enerxética.
d) Os xustificantes de pagamento destas facturas.
No caso de que o investimento se realice nunha vivenda unifamiliar, esta documentación será achegada polo suxeito pasivo. No caso de edificios en réxime de propiedade horizontal, será achegada polo representante legal da comunidade de propietarios, que, ademais, deberá xuntar un certificado das achegas económicas correspondentes a cada comuneiro.
4. Para poder practicarse esta dedución deberá constar na declaración tributaria do suxeito pasivo o número de inscrición do certificado de eficiencia enerxética tras a reforma no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia, proporcionado polo propio Rexistro na etiqueta de eficiencia enerxética do inmoble.
5. A dedución prevista neste número é incompatible coa prevista por investimento en instalacións de climatización e/ou auga quente sanitaria que empreguen enerxías renovables na vivenda habitual e destinada exclusivamente ao autoconsumo.».
Documentación requirida:
-Informe asinado por técnico competente que xustifique o salto de letra conseguido coas melloras.
– A totalidade das facturas.
– Os xustificantes de pago destas facturas.
– No caso de que as obras de mellora se realicen nun edificio en réxime de propiedade horizontal, certificado das aportacións económicas correspondentes a cada comuneiro.
Prazo de presentación:
Ata que expire o prazo para presentar a autoliquidación correspondente ao período impositivo no que se termine a obra de mellora enerxética obxecto de dedución.
* pódense deducir as facturas feitas a partir do 01/01/2020. O procedemento abrirase cando se abra o plazo da renda 2020.